Saturday 18 de May de 2024

Este luns arranca o festival urbano internacional DesOrdes Creativas


Ordes acollerá ata o vindeiro 9 de outubro a artistas da fama de Spok, Sabek (Madrid), Ino (Grecia), Malakkai (Almería), Doa (Galiza)

Ordes prepárase para acoller unha nova edición do festival internacional de arte na rúa DesOrdes Creativas. Unha iniciativa creativa e cultural que dará comezo o vindeiro luns, 5 de outubro, e que este ano contará con artistas e muralistas da fama de Spok, Sabek (Madrid), Ino (Grecia), Malakkai (Almería), Doa (Galiza).

Todos eles empregarán muros, valos e espazos públicos e privados como lenzos nos que plasmarán as súas obras. Trátase de creacións, en moitas ocasións de grandes dimensións, coas que se pretende, por un lado, denunciar e concienciar á veciñanza sobre aspectos, valores e problemáticas actuais. O Festival actúa como unha eficaz ferramenta de rexeneración urbana e diálogo social, que converte vellos espazos en desuso ou abandonados en novos lugares cheos de vida e cor para o desfrute colectivo. Un grande museo público e gratuíto a ceo aberto, co que tamén se pretende combater o feísmo urbano dalgunhas das zonas da vila a través da cor e da arte. Unha iniciativa que se vén desenvolvendo ininterrompidamente dende o ano 2010 grazas á sensibilidade, esforzo e amor incondicional de organizadores e colaboradores, así como polo traballo altruísta dos artistas participantes.

Ademais de contar coa colaboración do Concello de Ordes nesta nova edición hai que mencionar á asociación cultural Cultivarte e ao colectivo creativo Mutante. Ademais o vindeiro 9 de outubro celebrarase unha gran festa de clausura no pub Jatopús a partir das 22.30 horas.